domingo

Matemáticas académicas vs Matemáticas aplicadas.

Coa entrada en vigor da Lei Orgánica 8/2013, de 9 de decembro, para a mellora da calidade educativa (LOMCE), un dos temas que xerou máis debate e confusión foi a diferenciación entre as Matemáticas académicas e as Matemáticas aplicadas. Trátase dun tema que se basea en que a partir de 3º da ESO os alumnos deben escoller entre unhas matemáticas ou outras, en función de se queren acceder ó bacharelato ou de se queren continuar os seus estudos pola formación profesional. Pero este asunto que simplemente semella unha “elección”, trae consigo moitas complicacións!





A LOMCE establece que: “Para acceder aos estudos de bacharelato os alumnos e alumnas deben estar en posesión do título de graduado e superar a avaliación final (Reválida) de educación secundaria obrigatoria pola opción de ensinanzas académicas”.

Desta forma obrigase en certo modo a que os alumnos en 3º da ESO xa escollan un itinerario ou outro. Aínda que se permite que os alumnos que escollan as matemáticas aplicadas podan acceder ó bacharelato, isto será practicamente imposible posto que para acceder ó bacharelato estaba previsto, como se pode ver no paragrafo anterior, ter que superar unha reválida na cal se faría unha avaliación dese tipo de matemáticas e das materias relacionadas con ese itinerario. Dado que si se cursan as matemáticas aplicadas a materia será considerablemente distinta, a probabilidade de superar ese exame é moi escasa, polo que si se quere cursar o bacharelato débense elixir as matemáticas académicas.

Aínda que agora o tema das reválidas está paralizado, como se comenta noutro post do blog, e isto non será en principio un problema para acceder ó bacharelato, non se considera que sexa a opción máis aconsellable para os alumnos que cursen as matemáticas aplicadas, posto que o nivel que se esixe en bacharelato é moito máis acorde ó que se obtén cursando as matemáticas académicas, o que tamén implica que si se escollen as outras matemáticas non sexa oportuno acceder ó bacharelato.

Ademais a elección dun tipo de matemáticas ou outras fai que o itinerario a seguir sexa considerablemente distinto en 4º da ESO, tendo unhas opcións moi diferentes se elixes unhas matemáticas ou outras. Isto pode verse na seguinte táboa:

Matemáticas orientadas ás ensinanzas académicas
Matemáticas orientadas ás ensinanzas aplicadas
Materias de opción (cursarase polo menos dúas)
Bioloxía e Xeoloxía
Economía
Física e Química
Latín
Ciencias Aplicadas á actividade profesional.
Iniciación á actividade emprendedora e empresarial.
Tecnoloxía.

Por outro lado, a intención do goberno de que a maioría do alumnado sexa dirixida á formación profesional, pode ser outra das causas desta polémica decisión. Como se comenta dende todas as asociacións educativas e por medio de expertos neste tema, o itinerario de matemáticas aplicadas resulta máis “sinxelo”, xa que a esixencia é menor. Isto provocará que un maior número de alumnado se decante por esta opción, e desta forma alcanzarase o obxectivo do goberno.

Por outra banda, tamén hai que salientar que esta medida está xerando bastante incerteza e problemas organizativos nos centros. Todos os centros teñen que formar grupos con un número mínimo de alumnos e tamén teñen uns recursos limitados para profesorado o que pode facer que nalgúns cursos os alumnos soliciten un itinerario ou outro e non teñan dereito a realizalo. Isto pasou no centro no cal realicei o Practicum, no cal o curso pasado algúns alumnos recibiron Matemáticas aplicadas en 3º da ESO, e este ano non poden recibir estas mesmas matemáticas en 4º da ESO porque o número de alumnos era limitado e os recursos do centro non o permitían. Isto está provocando que os alumnos que elixiron en 3º da ESO as aplicadas están tendo problemas no actual curso de 4º coas matemáticas académicas, posto que non dispoñen dun nivel axeitado para seguir esta materia.

Polo tanto, ademais de ser unha medida que xera separacións de nivel e que implica tomar decisións a unha idade moi baixa, tamén se trata dunha medida que pode complicar a organización dos centros e dificultar os procesos de aprendizaxe dos alumnos. Por este motivo compre saber o que está pasando ó abeiro deste asunto e reivindicar melloras que faciliten o labor dos centros e a aprendizaxe dos alumnos.

No hay comentarios:

Publicar un comentario